Facebook Twitter Google+

CONECTANDO MUNDOS 2019-2020.
Get In the loop: para un futuro en equilibrio

O desafío da humanidade para o século XXI consiste en erradicar a pobreza e alcanzar a prosperidade para todo o mundo cos limitados recursos naturais do planeta.

As profundas desigualdades en materia de rendas, xénero e poder, fan que millóns de seres humanos vivan na pobreza e na exclusión e discriminados económica e socialmente. Case 900 millóns de persoas padecen fame; 1.400 millóns viven con menos de 1,25 dólares por día e 2.700 millóns non dispoñen de instalacións para cociñar en condicións hixiénicas.

Atinxir un desenvolvemento sustentábel significa garantir que todas as persoas teñan os recursos que necesitan –alimentos, auga, atención sanitaria e enerxía– para que os seus dereitos humanos sexan efectivos. Significa tamén garantir que o consumo de recursos naturais non cause tensións nos procesos vitais do sistema terrestre –xerando a mudanza climática ou a perda de biodiversidade, por exemplo– até tal punto que a Terra saia do seu período estábel, coñecido como Holoceno, que foi tan beneficioso para a Humanidade ao longo dos últimos 10.000 anos.

Conseguir que vivamos neste espazo seguro e xusto para a Humanidade é un desafío complexo, debido a que os límites sociais (como a fame, a desigualdade ou a falta de saúde) e os límites planetarios medioambientais (como a mudanza climática ou a perda de diversidade) son interdependentes. A tensión ambiental pode agravar a pobreza e viceversa. Por este motivo, necesitamos unhas políticas ben deseñadas e uns novos hábitos de consumo e produción para alcanzar un desenvolvemento sustentábel e inclusivo.

+ info


Na presente edición de Conectando mundos, propómosvos os seguintes obxectivos:

  1. Repensar criticamente os conceptos de crecemento e desenvolvemento sobre a base dos principios de sustentabilidade ambiental e de xustiza social
  2. Coñecer e analizar as causas e consecuencias do modelo de produción e consumo actual para comprender os seus efectos insustentábeis sobre a vida das persoas e do planeta.
  3. Propor modelos alternativos de desenvolvemento económico máis respectuosos coa vida das persoas e do planeta a partir do coñecemento de propostas alternativas xa existentes.
  4. Fomentar accións e condutas transformadoras, individuais e colectivas, que impliquen a xeración de novas propostas para un desenvolvemento social e económico máis xusto e sustentábel.