PRESENTACIÓN
Usuario Contrasinal
 

 Conectando mundos  é un espazo alternativo para a participación e o intercambio entre alumnos e alumnas de 6 a 17 anos de diferentes realidades xeográficas, culturais, económicas e sociais.

 

A edición de Conectando mundos  para o curso 2009-2010 céntrase en migracións e desenvolvemento dos pobos, desde unha perspectiva humana e unha concepción de cidadanía global, abordando as causas e as consecuencias que ten o proceso de migrar na vida das persoas e no seu contorno, e formulándonos qué actitudes e compromisos debemos asumir, a nivel persoal e colectivo, para contribuír para a construción dunha sociedade aberta, diversa e solidaria, baseada no respecto recíproco entre persoas de distintas procedencias.

Na Arxentina, as 'golondrinas' son os traballadores temporais que, soñando cunha vida mellor, voan cara ela cada verán para faceren as colleitas. As migracións son un fenómeno que existiu sempre ao longo da historia. Hoxe, practicamente non hai países que se encontren fóra de calquera circuíto migratorio, e cada vez hai máis países que son simultaneamente territorio de orixe, tránsito e acollida de migracións.

 

Sabemos que as condicións de vida das persoas, en distintos lugares do planeta, son extremadamente diferentes. Mentres unha gran parte da poboación mundial loita pola supervivencia, a outra parte loita por non perder os seus privilexios, conseguidos á custa doutros seres humanos. Por causa desta lóxica, son erguidas fronteiras invisíbeis que non permiten que todos e todas teñamos unhas condicións de vida digna que nos permitan satisfacer as nosas necesidades básicas. As migracións son, pois, unha consecuencia lóxica deste ilóxico e inxusto modelo social e económico que rexe o mundo en que vivimos.


 

Mais a ilóxica e a inxustiza non acaban aí. Mentres abrimos cada vez máis as fronteiras á libre circulación de bens e capitais económicos, fechámolas máis á libre circulación das persoas. E non só fechamos fronteiras (e facémolas máis infranqueábeis coa construción de muros), senón tamén mentalidades: a través de tópicos e prexuízos, reforzados polos medios de comunicación de masas, a través de medos á diferenza e da construción do “diferente” como inimigo, a través da concepción da identidade como algo único e excluínte e a través da homoxeneización cultural.

 

Fronte a iso, queremos traballar na creación dun espazo común no cal respectármonos e enriquecérmonos mutuamente, de igualdade de deberes e dereitos, acercamento e acollida, interculturalidade, riqueza da “diferenza” e a diversidade.

 

É por iso que convidamos as e os participantes de Conectando mundos a voaren coas andoriñas para reflexionarmos sobre os procesos migratorios e a súa relación co desenvolvemento, cos puntos de vista que fornezamos desde os distintos países.

 

 

 
espais © 2009/10 conectandomundos.org